Olga Novo

a cousa vermella

esta Cousa Vermella: o canto dos grilos é aquí cen mil veces máis potente
có aguillón dun infarto
estelar.

pero ti xa o dis todo.
esta bárbara serpe enroscada no pescozo da inocencia que eu fun
esta cousa vermella que se fuga do seu centro e xa non é brasa
isto que ninguén soporta no seu máximo láser non é ningunha máquina
non é un exército
o seu paso furioso é un paso de espasmo.
pero ti xa o sabes.

xamais é o seu vermello do lacre ou da lacra esta cousa.

este inferno agardado desde o glaciar que me cobre tenrura
ela respira debaixo latexa por veces nunha xitana fiestra vermella

que eu recoñezo de inmediato esa luz que me chama esa luz que libera
comédeme pois animais todas femias
pero ti xa o clamas.

¿é mineral ferra?
¿é arácnido mol?
¿é cristal estoupado nos ollos dos escravos?

todo, meus amores antigos e futuros e inequívocos parias
é tan triste fóra
do círculo roxo.

animal da Lanterna
sei quén son seino ben por esta marca vermella
a anémona grande que ninguén feriu nunca.

seino porque unha vez Fun e nada conservo salvo que todo salva.

ousada Cousa Vermella que dis canto pensas carretaralo ó lombo
por mil anos ou máis ata que todo remate.
estrela arrancada que non levas á fronte:
agora lévala ruxindo no centro desa Cousa
Vermella.

e os meus ollos agrándanse nos parques eólicos
porque a miña solitaria lanterna ten aspas que xiran e xiran
ata nunca sei ónde.
fágoo todo soa prendida coma nun facho antigo. fágoo todo.

e esta Cousa Vermella persiste en calor e luz aínda non sei por cánto
nin ata cándo.
queima todo canto se achega a menos de dous millóns de anos luz
matriz adentro cerebro adentro a menos de dous millóns de anos luz.

rosetón altísimo
era febril crer indefinidamente na lóxica
na estructura
e na contención.
os seres habían preferir a convulsión á metralla ou á mudez
estaba claro que provocarían o nacemento dunha nova constelación.
pero ti moras nela.

vivir viaxes imaxinarias irlle ata o mesmo miolo da retina
para non veres nada.
eu vin estalar palitroques na preñez dunha femia
pra que deixara de selo
eu vin tetas a trinta mil mans o minuto.
pero ti saloucas despacio e xa non me dis nada.

a min a fe me saen gromos de pereira nos cotobelos
e é de tirar do inverno
cara algún outro tempo
a min dígovos que me traian avións a aterrizar ó ventre
ás pálpebras
deitada.
ás altas horas non son viúva non son esposa non son noiva
son tan só esta Cousa
Vermella.
non é viúva non é esposa non é noiva É.

pero nós somos porque non podiamos non selo tan só
porque tal vez nos queremos.

pero de súpeto o mundo qué é unha mosca nos ollos dun neno
qué demo é unha mosca roendo nas comisuras dos beizos dun neno.
pero ti saloucas ás présas e xa non me dis nada.

e porque ti xa mo fas eu proclamo esta Cousa Vermella
que se saia de si
pola rúa
nos autobuses vista de pasada
coma na vida
cres que todo precisa unha enorme e alegre desproporción
vermella
esta cousa virá será mente corazón e cona esta Cousa
Vermella
esta Cousa Vermella
esta Cousa.

(A cousa vermella. 2004, Espiral Maior)

Olga Novo, a guímara do Amor (artigo no Sermos Galiza, 30-8-2017)
Wikipedia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s