Bases do 1º Combate Poético do Poemagosto

Aquí tendes as bases do Combate Poético que celebraremos o domingo do Poemagosto (15 outubro, 11h) na terraza do Bar A Fábrica.
Apuntádesvos? Contádesllelo, da nosa parte, ás vosas amizades poetas?
Podedes descargar as bases dende esta ligazón.

1. Poderá presentarse a este Combate Poético calquera persoa que recite textos da propia autoría en galego.
Establécese un límite de 10 participantes, que se irá cubrindo por orde de chegada das solicitudes.

2. O recitado de cada poema non poderá superar os 3 minutos. Superalos suporá a descualificación inmediata. O tempo comezará a contar no mesmo momento en que x participante, estando no escenario, comece a falar, sexa parte do poema, ou non, o que estea a dicir.
Unha persoa da organización ou de entre o público encargarase de cronometrar.
Aconséllase ás e ós participantes que comproben a duración do recitado dos seus poemas antes do combate.

3. Non se poderá acompañar o recitado de música, nin usar elementos como disfraces ou accesorios para resaltar o recitado. Tampouco cantar. O obxectivo é que os protagonistas sexan o poema, a voz e a expresividade dx participante, e que iso sexa o que o xurado valore.
Permítese, iso si, acompañarse do papel co texto a recitar.

4. Xs participantes deberán entregar á organización, inmediatamente despois da lectura de cada poema, unha copia destes, sexa en papel ou (preferiblemente) enviándoo nese mesmo momento por mensaxe (ver punto 8). A organización e/ou o xurado poderá usar estas copias, en caso de dúbida razoable, para descartar que a autoría do poema corresponda a outra persoa que non sexa x participante. A organización devolverá as copias en papel e comprométese a eliminar todo rastro das dixitais destes poemas.

5. O xurado estará composto por:
– 6 persoas de entre o público asistente ó combate escollidas ó azar, que valorarán cada participación dxs poetas cunha puntuación do 1 ó 10.
– 2 poetas -non participantes no combate poético- escollidxs pola organización, a modo de “voto de calidade”. Estas persoas votarán da mesma maneira que as 6 persoas do público e a puntuación sumarase a aquelas.

6. Haberá tres roldas de recitado. En cada unha delas recitarase un poema.
Da primeira rolda, na que participarán xs dez poetas, pasarán cinco; da segunda rolda pasarán 2, e da terceira rolda sairá a persoa vencedora do combate.

7. As dúas persoas “finalistas” recibirán un lote de libros e produtos locais, e a vencedora, ademais, unha achega económica de 100€.

8. A solicitude de participación deberá facerse, indicando nome e apelidos (real, non “virtual”), nome “artístico” (opcional), un teléfono e un correo-e de contacto, a través dun destes dous medios:

– Mensaxe privada a través da páxina de Facebook do Poemagosto.
– Correo electrónico a poemagosto@gmail.com

9. A participación supón a aceptación destas bases. A organización resérvase a potestade de dirimir calquera dúbida con respecto a este evento que puidese xurdir e non estivese suficientemente aclarada nestas bases.

Localización do Café Bar A Fábrica:

Deixar un comentario