O Poemagosto – Festival internacional de poesía en Allariz naceu en 2014 co obxectivo de achegar ó público unha boa programación onde prime a poesía e xs poetas, sen esquecer a música e outros formatos artísticos.
O nome do festival provén dun xogo de palabras entre os termos POEMA, GOSTO e MAGOSTO (tradición e festa popular por excelencia -xunto coa dos Maios- da provincia de Ourense, adicada á castaña como produto e como símbolo totémico).
Chegada a IV edición, en 2017, demos un salto importante na concepción do festival, pasando de unha a tres xornadas de actividades e camiñando cara á internacionalización ou “interlingüización” do festival, achegando máis voces poéticas e máis linguas có galego e o portugués, que eran as que ata a 3ª edición podían escoitarse no Poemagosto.
Poesía, música, concertos, charlas, micros abertos, actividades infantís, concurso de poesía recitada, presentacións, postos de libros, arte e artesanía… todo iso é Poemagosto.
Dadas as circunstancias de sobra coñecidas derivadas da pandemia causada polo coronavirus, o 2020 cambiou necesariamente o formato e duración, pasando a celebrarse nunha soa xornada e nunhas condicións máis ‘controladas’.
O VIII Poemagosto 2021 volverá ter o mesmo formato e duración que a pasada edición, pois -por desgraza- as condicións inda non permiten volver ó formato anterior, moito máis libre e multitudinario…
Na páxina de inicio iremos actualizando a información detallada sobre esta 8ª edición.